Sede electrónica Concello de Arteixo

10:58:27 Martes 4 de novembro 2025

Información

PARTICIPACIÓN CIDADÁ

28/10/2025

Convocatoria de subvencións para o ano 2025 para AAVV destinadas ao fomento da convivencia

EXP: 2025/A002/000017

“Extracto da convocatoria para o ano 2025 das subvencións para Asociacións de Veciños destinadas para o Fomento da Convivencia do Concello de Arteixo.

 

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b e 20.8.a da Lei 38/2003, do 17 de novembro, Xeneral de Subvencións, publícase el extracto da convocatoria cuxo texto completo pode consultarse na Base de Datos Nacional de Subvencións.

 

TEXTO DA CONVOCATORIA AO AMPARO DAS BASES PARA A CONCESIÓN DE SUBVENCIÓNS PARA AAVV DESTINADAS AO FOMENTO DA CONVIVENCIA EN CONCORRENCIA  COMPETITIVA PARA O ANO 2025

 

BASES REGULADORAS. -(Art. 23.2.a) Lei 38/2003, do 17 de novembro, Xeneral de Subvencións; en diante LGS)

A presente convocatoria rexerase polas bases reguladoras vixentes de subvencións para o fomento da convivencia no Concello de Arteixo publicadas no BOP A Coruña, nº 174, de martes, 10 de setembro de 2024.

 

OBXECTO.- establecer a concesión, en réxime de publicidade, obxectividade e concorrencia  competitiva,  axudas económicas ás Asociacións de Veciños constituídas como tales, e con ámbito de actuación no Concello de Arteixo, co fin de colaborar co tecido asociativo municipal para o fomento de participación da cidadanía para o desenvolvemento de actividades de lecer e programas de participación e dinamización de interese xeral para a veciñanza, a través dos seguintes programas:

Bloque 1.- Programas e actividades que favorezan a participación entre a veciñanza.

Bloque 2.- Formación: Talleres, cursos, charlas, coloquios, conferencias, saídas e excursións que fomenten a convivencia entre a veciñanza.

 

PROCEDEMENTO.- O procedemento para a concesión das subvencións previstas nesta convocatoria axustarase ao procedemento de concorrencia competitiva de acordo con o establecido nos artigos 9a) e 10a) da Ordenanza Municipal número 26 de concesión de subvencións municipais; nos artigos 20, 21, 22, 23 e 24 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, concordantes cos artigos 23, 24, 25 e 26 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeneral de subvencións.

 

BENEFICIARIOS/AS.- Poderán ser beneficiarias destas subvencións as Asociacións de Veciños, legalmente constituídas ou agrupacións de varias Asociacións de Veciños, que realicen as actividades obxecto das presentes bases e reúnan os requisitos esixidos nas mesmas.

En calquera caso deberá nomearse un representante das asociacións reunidas en agrupación para a solicitude de subvención.

Todas as entidades solicitantes deberán cumprir os seguintes requisitos:

1. Estar legalmente constituídas como tales e estar inscritas no Rexistro Municipal de Asociacións do Concello de Arteixo, no momento de realizar a solicitude. Do mesmo xeito, os datos obrantes neste Rexistro Municipal deberán estar actualizados.

2. Carecer de fins de lucro, sendo o seu obxecto social coincidente coa finalidade da subvención. Así mesmo, deberá dispoñer unha estrutura e capacidade suficiente para garantir o cumprimento dos obxectivos da subvención.

3. Desenvolver as súas actividades no ámbito territorial co Concello de Arteixo e sobre temas de interese para o Concello. O domicilio social da entidade deberá estar no termo municipal de Arteixo, segundo o que figure nos estatutos da mesma.

4. Non ter pendente de xustificación ningunha subvención ou axuda #ante o Concello de Arteixo para o mesmo obxecto para o que se solicita a nova subvención.

5. Non incorrer as persoas xurídicas ou as persoas que ostenten a representación legal das mesmas, nalgún dos supostos de prohibición para obter a condición de beneficiario de subvencións por incapacidade ou incompatibilidade, establecidas no art. 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, Xeneral de Subvencións.

6. Estar ao corrente dos seus deberes coa Axencia Tributaria, coa Seguridade Social e co Concello de Arteixo, facultando ao Concello de Arteixo para a súa comprobación.

7. Ter un número mínimo de 50 persoas asociadas. A acreditación realizarse mediante declaración responsable, e poderá ser obxecto de comprobación posterior.

 

DOCUMENTACIÓN A PRESENTAR POLAS ENTIDADES  SOLICITANTES.

 

- As entidades interesadas en acceder ás subvencións reguladas por estas Bases, deberán presentar, no prazo que se fixe na convocatoria, unha solicitude acompañada da documentación que se indique na mesma.

- Con todo, o solicitante poderá acollerse ao establecido no art. 53 da LPACAP en relación co dereito a non presentar documentos que xa obren en poder do Concello, sempre que se faga constar a data e o órgano ou dependencia na que foron presentados ou, no seu caso, emitidos, e cando non transcorresen máis de cinco anos desde a finalización do procedemento ao que correspondan.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirila, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

- A presentación da solicitude de subvención significará a autorización do solicitante para que o órgano competente obteña de forma directa a acreditación do cumprimento dos deberes tributarios e coa Seguridade Social a través de certificacións telemáticas, non achegando o solicitante as correspondentes certificacións. Con todo, o solicitante poderá denegar expresamente o consentimento, debendo achegar neste caso as certificacións nos termos establecidos no RD 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento Xeral de Subvencións.

 

PRAZO DE PRESENTACIÓN .- O prazo de solicitudes será de 15 días, desde o día seguinte á publicación do extracto da convocatoria no Boletín Oficial da Provincia a través da BNDS.

 

CONTÍA.- O importe da consignación ascende 71.000,00 € con cargo á aplicación orzamentaria 924.48903, do orzamento común para 2025, con coeficiente de financiamento  80% .

 

CRITERIOS DE VALORACIÓN.-  O artigo 7  das bases reguladoras conteñen os criterios de valoración, os criterios de adxudicación e o procedemento de concesión aplicables a cada programa de axudas.

 

ÓRGANOS COMPETENTES .- O procedemento será instruído polo Departamento de Participación Cidadá do Concello de Arteixo, onde se creará unha Comisión de Valoración e Seguimento, que realizará cantas actuacións sexan necesarias segundo o art. 10 a) da Ordenanza municipal núm. 26 reguladora da concesión de subvencións municipais.

A proposta de concesión formularase ao órgano concedente pola Comisión Avaliadora designada pola Alcaldía, da que formarán parte:

- Dous técnicos do Concello, actuando un deles como Secretario/a.

- O Concelleiro/a responsable da área ou persoa en que delegue, que actuará como Presidente

O órgano competente para resolver o procedemento é a Xunta de Goberno Local do Concello, segundo o art. 127 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das Bases de Réxime Local e demais lexislación concordante.

 

REFORMULACIÓN DE SOLICITUDES.- Cando na proposta de resolución provisional figure un importe de subvención inferior á solicitude presentada, a entidade beneficiaria poderá reformular a súa solicitude para axustar os compromisos e condicións a proposta de resolución.

 A entidade beneficiaria poderá instar a reformulación da solicitude no prazo de 10 días hábiles a contar desde a publicación da proposta de resolución provisional.

No caso de que non sexa instada a reformulación da solicitude dentro do prazo establecido no apartado anterior, manterase o contido da solicitude inicial.

Unha vez que dita solicitude de reformulación conta coa conformidade do órgano colexiado, remitirase todo ao órgano competente para que dite a resolución.

En calquera caso, a reformulación deberá respectar o obxecto, condicións e finalidade da subvención, así como os criterios de valoración establecidos respecto das solicitudes ou peticións

 

PRAZO DE RESOLUCIÓN E NOTIFICACIÓN.- Elaborada a proposta de concesión pola Comisión de Valoración e Seguimento e fiscalizada pola Intervención Municipal, someterase a aprobación pola Xunta de Goberno Local.

 O acordo de concesión, deberá notificarse a todos os solicitantes de forma expresa no prazo de 10 días desde a data da resolución (art. 40.2 da Lei 39/2015, do 1 de outubro de Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas, en diante LPACAP).

 

PRAZO DE XUSTIFICACIÓN DA SUBVENCIÓN.- Aquelas entidades que finalizasen a realización das  actividades obxecto desta subvención dentro do prazo de presentación da  solicitude,  poderán presentar a mesma xunto coa  conta xustificativa dos gastos, resolvéndose no mesmo acto de concesión a aprobación da conta xustificativa e pago das actividades xa celebradas. Nos casos restantes o prazo de xustificación da subvención terminará o 15 de decembro.

 

O acordo de aprobación da conta xustificativa e pago notificarase aos beneficiarios segundo o art. 40.2 da LPACAP”


Xustificantes de Publicación: